
24

29

O nome de Leña Verde foi escollido no ano 1994 polos fundadores da actual Asociación Cultural e do grupo como lembranza e recoñecemento aos integrantes dunha formación escolar homónima que existira no concello de Pol durante os anos 50 e 60. Aquela iniciativa fora promovida polo mestre Don Daniel Pérez, que exercía a docencia na escola de Luaces, moi perto de Mosteiro (Pol).
Naqueles comezos (1955) encargáronse de tocar os adultos Manuel Vázquez (gaita), José Iglesias (caixa) e José Domínguez (bombo), mentres que Don Daniel instruía ao alumnado que bailaba (Antonio Penelas e Mª Jesús Tellado; José A. Brañanova e Concepción Sanjurjo; Fernando Ónega e Maruxa Rielo). Esta formación actuaba nos descansos das montaxes teatrais que artellaba con xente maior o mestre Pérez, obtendo como recompensa cartos e caramelos que lles mandaban cara o escenario.
![]() | ![]() |
---|---|
![]() | ![]() |
![]() | ![]() |
(Pulsa nas imaxes para amplialas e ver a información)
No 1958 desfaise o grupo de baile e Leña Verde conserva só a parte musical, participando Manuel Expósito, Francisco Balado e Sergio Vilavella como gaiteiros; Ricardo Piñeira, co tamboril; Manuel Fernández co bombo e José Freire e José A. Brañanova, na pandeireta. Para preparar aos novos músicos Don Daniel, que tiña coñecementos musicais pero non sabía tocar a gaita, contacta cun xoven Antón Corral -ilustre home da nosa música que daquela se atopaba en Lugo- para que viñera dende a capital a impartir clase.
Como mostra da abnegación da que había que botar man naqueles tempos difíciles, servirá a seguinte anécdota: vendo o mestre Daniel que Antón tiña que percorrer os 25 kilómetros que hai dende Lugo a Luaces nunha bicicleta, decidiu xenerosamente cambiarlla pola súa moto Guzzi para facilitarlle o desprazamento.
O grupo realiza actuacións pola comarca ata que, a comezos dos anos 60, o falecemento do mestre e impulsor fan que a formación desapareza, continuando viva na memoria colectiva da veciñanza deste concello ata hoxe.
Daquela formación orixinal seguiron na asociación José Antonio Brañanova (ata o seu pasamento en Decembro do 2022)
e Maruxa Rielo, integrante da xunta directiva e colaboradora habitual nas actividades desenvoltas.